Friday 17 de May de 2024

O Concello de Culleredo multado por vulnerar dereitos electorais do BNG


A Xunta Electoral de Zona da Coruña ven de impoñer ao Concello de Culleredo unha multa de 500€ por vulnerar dereitos do BNG durante a campaña electoral.

Queda acreditado que, até en dúas ocasións, o Concello de Culleredo impediu o acceso a espazos municipais para a realización de actos electorais que foran autorizados previamente pola Xunta Electoral.

O BNG de Culleredo procurará que a multa sexa pagada polas persoas responsables dos feitos e que non sexa a veciñanza de Culleredo quen teña que pagar pola falta de educación democrática do actual goberno socialista.

O BNG de Culleredo denunciou esta semana diante da Xunta Electoral de Zona da Coruña as accións do goberno municipal que impediron o acceso a tres espazos públicos nos que se ían celebrar actos electorais en Vilaboa, O Burgo e Sésamo. Ditos espazos foran ofertados polo propio Concello e os actos foran autorizados pola Xunta Electoral, tal e como recolle a lexislación do réxime electoral.

Tralas alegacións presentadas polo Concello, a Xunta Electoral de Zona da Coruña estimou a denuncia realizada polo BNG de Culleredo, impoñendo ao Concello unha multa de 500 euros e requirindo que se garantice o acceso aos locais adxudicados ás candidaturas até a finalización da campaña electoral. Podes consultar a resolución completa no documento adxunto.

Para o candidato do BNG á Alcaldía de Culleredo, Tono Chouciño, esta resolución “é un síntoma máis do nerviosismo do actual goberno municipal ante unhas eleccións nas que en Culleredo respíranse ganas de cambio, e de dar carpetazo a un goberno socialista que foi incapaz de xestionar as necesidades da veciñanza. O BNG de Culleredo procurará que esta multa sexa pagada polos responsables das faltas, e que non sexa a veciñanza de Culleredo quen, unha vez máis, teña que pagar as falcatruadas do goberno municipal.”